acopovi

Desde 2005 ata a actualidade, en que ACOPOVI desenvolveu a súa vida asociativa, vese necesario cada vez máis establecer unha serie de normas complementarias aos propios Estatutos que regulen a actividade de ACOPOVI en todas as súas facetas.

Nos Estatutos e no artigo 37 figura a creación do Regulamento de Réxime Interno desenvolvendo aquelas materias ou cuestións non contempladas directamente nos Estatutos, como poden ser o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, por iso é polo que se propón o seguinte Regulamento de Réxime Interno.

CAPÍTULO I: Da Asociación en xeral

Artigo 1

A ASOCIACIÓN DE CORAIS POLIFÓNICAS DE VIGO (ACOPOVI) constituída ao amparo da lexislación vixente, rexerase polos Estatutos da Asociación aprobados con data 25 de setembro de 2005, polo presente Regulamento de Réxime Interno (en diante RRI) aprobados con data 4 de xullo de 2015 e por todas aquelas normas que estableza a regulamentación que lle sexa de aplicación segundo as leis.

Artigo 2

O presente RRI desenvolve os contidos expresados nos Estatutos da Asociación e en ningún caso poderá ir contra a filosofía e articulado dos mesmos.

Artigo 3

Establécese como anagrama de ACOPOVI e como logotipo o que figura no encabezado do presente RRI. Os socios utilizarán este logotipo en todas as actividades nas que ACOPOVI estea presente. Ademais establécese como comunicación única entre os asociados e a Xunta Directiva a dirección que figura no encabezado do presente RRI, a dirección de correo electrónico que estableza a Xunta Directiva, a chamada telefónica ou a presenza persoal con calquera membro da Xunta Directiva de ACOPOVI.

Artigo 4

Este RRI é un documento xurídico-administrativo e un conxunto de normas internas de ACOPOVI. Ten por obxecto establecer a organización e o funcionamento de todos os socios que forman a Asociación, regulando tanto os seus dereitos como os seus deberes, así como os modos de proceder en todas as actividades de ACOPOVI.

Artigo 5

A participación das corais en calquera actividade de ACOPOVI deberá axustarse ás normas que neste RRI figuren ou poidan acordarse no futuro por decisión da Asemblea Xeral de Socios, ademais do establecido nos Estatutos, que é a primeira norma da Asociación, e das directrices que a Xunta Directiva estableza segundo o estipulado no artigo 38.

CAPÍTULO II: Dos socios

Artigo 6

Poderán ser socios de ACOPOVI todos aqueles coros que teñan a súa sé no Concello de Vigo. Establécense cinco categorías de socios:

A) Masas corais.

  • - 26 compoñentes como mínimo.
  • - Voces mixtas.
  • - Cantos a catro voces ou máis.

B) Coros de cámara.

  • - Entre 16 e 25 compoñentes.
  • - Voces mixtas.
  • - Cantos a catro voces ou máis.

C) Coros.

  • - 25 compoñentes mínimo.
  • - Voces mixtas.
  • - Cantos a unha ou dúas voces.

D) Corais infantís e xuvenís.

E) Coros de voces iguais.

  • - 25 compoñentes mínimo.
  • - Formado por mulleres ou homes.

Os orfeóns, no momento de creación deste RRI, están compostos da unión de varias corais de voces mixtas xa asociadas, polo que non se consideran como posible clasificación como asociados. Téñense en conta para o desenvolvemento de actividades que se poidan facer con este tipo de formacións.

A clasificación de cada socio nas distintas categorías establecidas corresponderá á Xunta Directiva.

Independientemente da clasificación dos coros asociados nas categorías establecidas, existirán clases de asociados tal e como figura no artigo 8 dos Estatutos que fai referencia a socios fundadores, numerarios ou honorarios. Neste último caso, poderán considerarse honorarios coros que non sexan socios de ACOPOVI e terase en conta o disposto no artigo 10 dos Estatutos.

Artigo 7

Os coros que queiran ser socios de ACOPOVI deberán presentar unha solicitude de ingreso onde se especifique a categoría do coro que se pretende inscribir, contactos, concertos realizados (mínimo 5). Débese engadir copia dos estatutos e mais do CIF da Asociación que ampara ao coro que se pretende inscribir.

O director/a do coro que se pretende inscribir en ACOPOVI debe posuír un acreditado coñecemento musical avalado polo seu curriculum;  no seu defecto, demostrará ese coñecemento musical segundo determine a Xunta Directiva de ACOPOVI.

A Xunta Directiva de ACOPOVI estudará a solicitude, concertará co coro solicitante unha audición en concerto para escoitar e verificar que se axustan á norma. Esta Xunta Directiva elevará un informe á devandita solicitude que deberá ser ratificada en Asemblea de socios para a inclusión ou non do novo membro de ACOPOVI.

O prazo que se marca para todo o proceso de adxudicación de condición de socio non poderá sobrepasar os seis meses.

Artigo 8

Cada socio deberá comunicar á Xunta Directiva de ACOPOVI quen son as persoas representativas do seu coro en ACOPOVI, transmitindo o máis axiña posible calquera cambio que se producise.

Cada dous anos deberá comunicar o nome, apelidos e número de DNI dos compoñentes e mailo director/a do coro asociado. Durante este período calquera modificación que se produza a este respecto será trasladada tamén á Xunta Directiva.

Artigo 9

Os socios terán os seguintes dereitos, ademais dos reflectidos no artigo 10 dos Estatutos:

  • a) Participar nas actividades e actos da Asociación.
  • b) Asistir con voz e voto ás Asembleas, podendo delegar o seu voto noutro asociado mediante escrito que deberá ser entregado á Secretaria da Asociación antes de comezar a Asemblea.
  • c) Elixir e ser elixido.
  • d) Posuír un exemplar dos Estatutos e do presente RRI desde o seu ingreso en ACOPOVI.
  • e) Ter o coñecemento oportuno dos acordos adoptados polos órganos da Asociación.
  • f) Solicitar, mediante petición razoada, o acceso á documentación interna de ACOPOVI.

Artigo 10

Os socios terán as seguintes obrigas, ademais das fixadas no artigo 11 dos Estatutos:

  • a) Asistir ás Asembleas de ACOPOVI convocadas pola Xunta Directiva. Un socio non poderá faltar a dúas Asembleas consecutivas.
  • b) Cumprir os preceptos que marcan os Estatutos e o presente RRI, así como os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
  • c) Abonar as cotas que se determinen en tempo e forma.
  • d) Cooperar no desenvolvemento do traballo de ACOPOVI e na boa execución das distintas actividades.
  • e) Desempeñar as funcións que lle sexan encomendadas pola Xunta Directiva.

Artigo 11

Os socios poderán solicitar a súa baixa voluntaria en ACOPOVI. A petición tratarase en reunión de Xunta Directiva que acordará a baixa sen máis trámites, e unha vez saldados todos os compromisos adquiridos con ACOPOVI. Na seguinte Asemblea a Xunta Directiva informará das baixas producidas.

Artigo 12

Os socios poderán ser dados de baixa en ACOPOVI polo fixado no artigo 9 dos Estatutos ou por algunha das seguintes causas:

  • a) Cando exista incumprimento grave dos Estatutos e do presente RRI, a criterio da Xunta Directiva.
  • b) Cando o socio impida deliberadamente o cumprimento dos fins da Asociación.
  • c) Cando a súa conduta vaia contra os principios sociais ou danen gravemente a imaxe de ACOPOVI.
  • d) Cando non asista de forma reiterada ás Asembleas tal e como se especifica no artigo 10 deste RRI.

Artigo 13

Os expedientes de expulsión deberán ser tratados por un Comité de Conflitos creado ao efecto, que estará composto por dous membros da Xunta Directiva, o Presidente de ACOPOVI e dous socios elixidos por sorteo, actuando un deles como instrutor e garantindo a audiencia do socio en vía de expulsión.

A Asemblea de ACOPOVI será a encargada de ratificar ou denegar o informe realizado pola Comisión, sendo necesario en todo caso o apoio de 2/3 dos socios presentes para que se aprobe a moción de expulsión. A Asemblea decidirá se a votación é secreta ou non.

O Comité de Conflitos se autodisolverá unha vez terminado o proceso.

Artigo 14

A Xunta Directiva informará na Asemblea Xeral de ACOPOVI sobre a situación do número de asociados e as diferentes categorías.

CAPÍTULO III: Da Xunta Directiva

Artigo 15

A Xunta Directiva de ACOPOVI estará minimamente formada por: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e dous vocais. Os membros da Xunta Directiva serán persoas de, polo menos, tres corais distintas pertencentes a ACOPOVI.

Artigo 16

A Xunta Directiva de ACOPOVI reunirase unha vez ao mes de forma ordinaria, excepción feita do mes de agosto, e cantas veces sexa necesaria de forma extraordinaria a petición do Presidente ou de 1/3 dos seus membros.

Artigo 17

A Xunta Directiva poderá cesar das súas funcións a un dos seus membros e deberá cubrir esta vacante no máis breve espazo de tempo.

Artigo 18

O Presidente de ACOPOVI poderá incorporar durante o seu mandato, por necesidades da Xunta Directiva, a novos membros sempre que non supoñan máis do 40% dos membros da candidatura inicialmente presentada en Asemblea de ACOPOVI. As novas incorporacións terán que ser ratificadas en Asemblea.

CAPÍTULO IV: Das Asembleas

Artigo 19

As Asembleas de ACOPOVI poderán ser ordinarias ou extraordinarias. As ordinarias serán como mínimo unha vez ao ano no período que vai desde xaneiro a abril e as extraordinarias cantas veces o considere a Xunta Directiva ou o solicite o 10% dos socios.

As Asembleas de ACOPOVI serán convocadas polo Presidente de ACOPOVI cunha antelación mínima de 15 días para as ordinarias e de 7 días para as extraordinarias.

A notificación das Asembleas farase por escrito a cada coro asociado, servindo a comunicación a través de correo electrónico.

Artigo 20

Todos os acordos tómanse por maioría simple, salvo naqueles casos establecidos no artigo 24 dos Estatutos. En caso de empate, o voto do Presidente será determinante. Os acordos adoptados obrigan a todos os asociados, estean presentes ou non.

CAPÍTULO IV: Do proceso electoral

Artigo 21

Establécese un prazo de trinta días como data límite para a presentación de candidaturas, a contar desde a data da convocatoria para tal fin.

Artigo 22

A persoa ou persoas representativas de cada coro socio poderán presentar unha candidatura cos membros que estime oportuno, pero sempre tendo en conta o artigo 15 do presente RRI. Todos os membros da candidatura pertencerán aos coros socios de ACOPOVI.

Artigo 23

A presentación da candidatura farase por escrito e reflectirase a lista de persoas que se propón, indicando os cargos e facendo constar o coro ao que pertencen. As candidaturas serán dadas a coñecer na Asemblea convocada a tal fin.

Artigo 24

No caso de que non se presente ningunha candidatura, convocaranse novas eleccións na mesma Asemblea, fixando unha nova data de Asemblea para tal fin.

Artigo 25

A persoa que figura como Presidente de cada candidatura presentada disporá do tempo necesario para expoñer á Asemblea as liñas de acción e mailo seu proxecto para ACOPOVI.

Artigo 26

Se concorren ás eleccións varias candidaturas, a votación será secreta, de tal xeito que cada coro socio escribirá nunha papeleta entregada para tal fin pola Xunta saínte, o nome da persoa que encabeza a candidatura da súa elección. A papeleta entregarase na urna que recolle todas as votacións.

Artigo 27

Se só concorre un candidato ás eleccións de ACOPOVI, ratificarase ou non na Asemblea a man alzada.

Artigo 28

A elección da candidatura farase por votación e será elixida por maioría simple. En caso de empate, repetirase a votación. Se aínda así persiste o empate, dilucidarase mediante sorteo.

Artigo 29

Entre a Xunta Directiva saínte e a entrante haberá un prazo de trinta días para o cambio e entrega de funcións.

Artigo 30

No caso de que non se presente ningunha candidatura, tal como establece o artigo 24 do presente RRI, os socios concorrentes á Asemblea elixirán en voto secreto a tres coros socios. Os tres coros elixidos desta votación, terán o labor de lograr, no prazo de 90 días, alcanzar unha candidatura entre todos os membros de ACOPOVI para presentarse. Durante este prazo a Xunta Directiva saínte terá que continuar nas súas funcións.

Artigo 31

Se a situación persiste, repetirase o establecido no artigo anterior, pero non poderán ser elixidos os tres coros que saísen na primeira votación.

Artigo 32

No suposto de que non se logre candidatura ningunha logo do indicado nos dous artigos anteriores, procederase á disolución de ACOPOVI tal e como marcan os Estatutos no seu Capítulo VI.

CAPÍTULO V: Da participación nas actividades

Artigo 33

A participación nas actividades de ACOPOVI é libre e voluntaria. A participación ou non nas actividades de ACOPOVI deberá indicarse á Xunta Directiva no mes de xaneiro ou nas convocatorias que con tal obxectivo realice a Xunta Directiva. Se non hai outra indicación da Xunta Directiva, tómanse como actividades de ACOPOVI todas aquelas realizadas no exercicio xustamente anterior a ese mes de xaneiro.

Artigo 34

O feito de que un coro socio non participe durante dous anos consecutivos na metade das actividades propostas, poderá ser causa de expulsión de ACOPOVI.

Artigo 35

Aqueles coros asociados que non respondan ás convocatorias fixadas pola Xunta Directiva ou o establecido no artigo 33, enténdese que non queren participar.

Artigo 36

O feito de que os coros asociados non respondan ás cuestións de programación das actividades de ACOPOVI poderá ser motivo de non participación nas actividades.

Artigo 37

O xeito de proceder reiterado nas diferentes actividades de ACOPOVI, tal e como se expresa no artigo anterior, poderá ser motivo de expulsión da Asociación.

Artigo 38

A Xunta Directiva de ACOPOVI é a que fixa a forma e xeito de participar nas distintas actividades, indicando as pautas que se seguirán con escritos dirixidos aos coros asociados ou verbalmente en asembleas convocadas para eses fins.

Os coros acatarán en todo momento o establecido pola Xunta Directiva. Nas asembleas é onde se debate, ratifica ou corrixe o modo de proceder, nunca no desenvolvemento da actividade ou dun xeito individual de cada coro asociado.

A Xunta Directiva pode declarar grave a conduta dun coro asociado ao non acatar o establecido pola Xunta Directiva ou ao actuar de forma individual obviando á propia Xunta Directiva de ACOPOVI. Esta conduta poderá ser motivo de expulsión de ACOPOVI se se produce de forma reiterada en dúas ocasións.

Artigo 39

A Xunta Directiva non ten que propiciar que en todas as actividades participe a totalidade das categorías de socios; pero no conxunto de actividades do ano si garantirá a cabida a todas as categorías de socios de ACOPOVI, tal e como figura no artigo 6 do presente RRI.

CAPÍTULO VI: Dos recursos materiais

Artigo 40

A Xunta Directiva de ACOPOVI adquirirá todos aqueles recursos materiais que leven á consecución dos fins de ACOPOVI e do desenvolvemento das propias actividades.

Artigo 41

A Xunta Directiva poderá adquirir material por importe non superior a 2.000 euros. Todo importe superior a esta cantidade terá que ser aprobado en Asemblea. De todos os xeitos, a Xunta Directiva terá que informar aos asociados das adquisicións de material na Asemblea inmediatamente posterior.

Artigo 42

ACOPOVI dispón dunhas bancadas en cinco alturas que poden ser utilizadas por calquera coro socio sempre que o solicite por escrito á Xunta Directiva e se faga cargo dos desperfectos que se puidesen ocasionar co uso ou transporte do mesmo.

CAPÍTULO VII: Das condecoracións e galardóns

Artigo 43

A xunta Directiva será a encargada de delimitar as formas e maneiras para conceder galardóns e condecoracións de ACOPOVI.

Artigo 44

ACOPOVI concederá un agasallo conmemorativo aos coros socios que celebren o 25, 40, 50, 75 ou 100 aniversario do seu nacemento.

 

About the author / Acopovi

Acopovi

Antonio Ceo

At vero eos et accusamus et iusto odio dignissimos ducimus qui blanditiis praesentium voluptatum deleniti atque corrupti quos dolores.

ACOPOVI 2015 © Todos los derechos reservados