Corais Artigos
- Detalles
- Publicado: 16 Abril 2019
HISTORIA
No taller de costura de Maruja Méndez nacía no ano 1958 o Coro Lembranzas Galegas. Este lugar no que as mozas aprendían o oficio de modista estaba ubicado en Barreiro, Lavadores (Vigo). Desde alí, chegando incluso a participar no programa “Coser e cantar” de Radio Vigo, comezaba unha importante difusión do baile e do canto tradicional galego da man das costureiras.
No ano 1963 incorpórase persoal masculino e comezan a ter máis actividade. Contan co director de baile Emilio Sotelino e máis tarde con D. Alfonso Vidal, actual Presidente Honorífico do coro.
Desde 1981 o grupo de cantores toma un camiño separado do grupo de baile. Este último noméase Asociación Folclórica Lembranzas Galegas. Cabe destacar o intenso labor que desenvolveu a través de programas de televisión galegos e en festivais de España e Portugal. Tamén editou un disco e unha casete con cancións do noso folclore.
Coincidindo coa celebración do seu 25 aniversario (1988) cantou a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago de Compostela. Foi invitado no ano 1996 ao I Festival Internacional de Música Polifónica Torres Novas. Realizaron intercambios culturais co Coro Ronda Besaya de Santander cantando no Pazo da Magdalena, na Plaza Porticada de Santillana del Mar (Cantabria); co Grupo Trísqueles de San Sebastián, compartindo escenario e vivencias en diversas cidades de Euskadi. Realizaron concertos en distintas Casas de Galicia en España e Europa para celebrar o Día do Apóstolo, co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra, do Concello de Vigo...
Celebraron o 50 aniversario no centro cultural de Caixanova, en Vigo.
A agrupación pasou polas mans dos directores D. Enrique Marguenda, D. Moisés Alonso Valverde, D. Hipólito Barriguín, D. Miguel Ángel Barreiro, Dª. Cándida Rico de la Calle e D. Alfonso Paz Campos. Actualmente intégrano 30 voces mixtas, xeralmente organizadas en catro cordas. Traballan repertorio que abarca desde o folclore galego máis tradicional ata habaneras, zarzuelas, música sacra, etc.
Hoxe o coro está unido á Asociación Veciñal, Deportiva e Cultural de Lavadores onde ten a súa sede. Desde setembro de 2018 diríxeo Dª. Rosana Cayetano Barrera.
CONTACTO:
Coro “Lembranzas Galegas” da Asociación Veciñal Cultural Deportiva de Lavadores
teléfonos: 629 70 93 49 / 673 28 05 04
email: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.